Wednesday 01 de May de 2024

Aprobada a conta xeral do exercicio 2018


 

Os datos reflicten unha redución dun 19,02% da débeda por habitante con respecto ao exercicio pasado, situándoa en menos de 300 euros. O aforro do Concello supera os 2.215.000 euros

O pleno de Ordes arrancou onte coa aprobación da conta xeral do exercicio 2018. Unha conta que indica o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, da regra de gasto, do correcto período de pagamento (5,36 días) e do límite de débeda. Segundo se indica no informe presentado polo persoal técnico municipal as contas poñen de manifesto “un alto grao de liquidez e solvencia por parte do Concello de Ordes”.

O balance reflicte unha diminución do 10,41% da débeda tanto a longo como a curto prazo, situándoa nos 4.139.093,90 euros. Por habitante esta sitúase nos 297,41 euros, un 19,02% menos que no exercicio anterior. O fondo de manobra, capacidade de poder atender os pagos e realizar investimentos, presenta un resultado positivo en 2.339.398,26 euros, o que significa un incremento do 132,44%. Se falamos do patrimonio municipal este medrou nun 20,64%, o que en cifras exactas supoñen 2.938.972,75 euros.

O aforro neto municipal é de 2.215.207,65 euros e o resultado orzamentario axustado 1.828.563,70 euros, mentres que o remanente de Tesourería para gastos xerais foi de 2.505.982,99 euros.

Os apoios a estas contas viñeron por parte do Goberno local (9 votos), mentres que PSOE (2) e UxO (2) se abstiveron e o BNG (3) votou en contra por, entre outros aspectos, discrepancias en datos relativos á débeda e por “prorrogar contratos xa vencidos sen que a lei o permita” sinalou o voceiro Pablo Vidal. Todos estes aspectos foron negados polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo.

Transferencia
Outra das mocións que prosperou foi a presentada polo grupo municipal popular para reclamarlle ao Goberno central a transferencia ás entidades locais dos recursos derivados da participación en ingresos do Estado. Cartos que, entre outras cuestións, permitirían “atender o incremento das retribucións dos empregados públicos e que están a supoñer un esforzo orzamentario levado a cabo polas entidades locais”. O texto tamén solicita “a convocatoria urxente da Comisión Nacional de Administración Local para dar conta das razóns da situación actual e acordar solucións inmediatas.

Finalmente, tanto o PSOE como UxO se abstiveron na votación. Os primeiros alegando que “non é o momento máis adecuado para este debate debido á convocatoria de próximas eleccións” en palabras do seu voceiro Fernando Viqueira, e os segundos por preferir “non entrar en electoralismos xa que esta é unha moción electoralista” tal e como explicou o concelleiro Manuel Iglesias. Os votos a favor do BNG viñeron dados grazas á inclusión da emenda formulada e na que solicitan que se reclame a construción da rotonda que una a N-550 coa rolda leste tal e como se chegou a contemplar nos orzamentos estatais. Segundo explicou tamén onte o rexedor ordense esta non se levará a cabo porque “os cartos destinados a este proxecto foron derivados a outro” segundo as explicacións recibidas por parte de Fomento.

A que non prosperou foi a urxencia para debatir a moción sobre “ameazas enerxéticas” plantexada polo BNG, votando en contra o Goberno e absténdose o PSOE. O Goberno xustifica a súa postura en que xa está lista a ordenanza de taxas para as empresas por aproveitamento de dominio público e presentarase no pleno do vindeiro mes. Tamén no informe desfavorable por parte do secretario municipal en relación á modificación de ordenanzas IBI, ICIO e IAE no que respecta á bonificación ás instalacións de produción e transporte de enerxías. Por outra banda tamén argumenta que outros dos aspectos incluídos na moción xa foran aprobados pola corporación anterior.

Cómpre sinalar tamén que todos os grupos estiveron de acordo en aprobar o novo horario para as instalacións deportivas Iván Raña. Unha vez publicado no BOP e tras o período de exposición pública abrirán de 8 a 14 e de 16 a 21 horas os sábados e de 9.30 a 14 horas os domingos.